quarta-feira, 14 de outubro de 2015

A TORRE DOS VALLE BERMÚDEZ NO CARAMIÑAL. DEBUXOS ARQUEOLÓXICOS

Parladoiro
Cartaz
Dentro do marco das XVII Xornadas de homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán englóbase a mostra sobre “A Torre dos Valle Bermúdez no Caramiñal”, que estará exposta –dende o 16 de outubro, día inauguración, ata o 17 de novembro– na Casa da Cultura Raquel Soler.

É a segunda ocasión que colabora co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, pois no 2014 entreguei dúas caricaturas da miña autoría, ambas feitas con acuarela e tinta chinesa, máis completadas con outros elementos, unha con madeira, e a restante con teas de tapizar.


40 LÁMINAS DUN ÚNICO EDIFICIO, DUN EDIFICIO ÚNICO


Erinia
Nunha colección de corenta láminas de debuxos arqueolóxicos reprodúcense, en augatinta, os elementos máis significativos deste edificio civil galego. Edificio que, alén de ter sido morada do egrexio escritor Valle- Inclán (e lugar onde se localiza o museo pobrense), é un dos máis interesantes dentro do seu estilo que se conservan en Galiza. Elaborado no abrente do Renacemento, e con clara influencias manuelinas, esta torre-pazo foi declarado en 1976 Monumento Histórico Artístico, polo que o vindeiro ano celebrarase o 40 aniversario deste recoñecemento, amais do 150 do nacemento do autor de Divinas Palabras.



MEDALLÓNS, GÁRGOLAS, DETALLES CONSTRUTIVOS, PILASTRAS, XANELAS E PORTAS



Xanela da fachada Leste do Pazo
Medallóns, gárgolas, detalles construtivos, pilastras, xanelas e portas foron debuxados con detalle, pois houbo que realizar un  é un estudo previo e pormenorizado de cada un dos elementos que se quixeron reproducir. Alén disto, a iconografía escultórica e rica, fermosa e moi variada, pois vai dende simples gatos (aínda que representan o mal) até un león, anxos, un tritón, unha serea, un grifón, unha erinia, unha ave fénix, un basilisco e un home verde (ou face antropomorfa confeccionada a partir de elementos vexetais).


Alén disto, debuxáronse -outrosí- os medallóns dos que, presumiblemente, puideron ter sido os fundadores do edificio: o mercador Xoán Domínguez de Giance e Constanza Domínguez de Búa, a súa dona. Cómpre salientar, igualmente, que algunhas xanelas foron grafadas de tal xeito que se intentou recuperar parte da estética primitiva, resaltando detalles que -desgrazadamente- se perderon na actualidade pola erosión e o salitre.

PREVISIÓNS


Está previsto que a mostra de debuxo arqueolóxico sexa itinerante, e que discorra -cando menos- por diversos concellos vinculados á figura de Valle-Inclán, entre eles Vilanova de Arousa (lugar da súa nacenza), Pontevedra, Compostela,...


CRÍTICAS



Dende o Diario de Pontevedra chegaron as primeiras críticas sobre a mostra, uns días antes de ser inaugurada, pois as persoas que as entregan viron cada unha das láminas en varios momentos.

O escritor Fernando Salgado Varela, xornalista dese rotativo, indica que: "la muestra, además de llamar la atención sobre los detalles ornamentales que podrían pasar desapercibidos en una visita y mostrar otros que hoy no existen, es también un trabajo de documentación teniendo en cuenta que la teorología sigue haciendo su trabajo paciente, diario y constante, difuminando, paulatinamente, los detalles".
Constanza Domínguez de Búa
Ángeles Tilve Jar, conservadora do Museo de Pontevedra e gran coñecedora da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, sinala sobre esta mostra que "é un traballo excelente de reprodución gráfica dun edificio moi significativo porque é un dos poucos de arquitectura civil do Renacemento que chegaron ata nós", e ademáis que o autor "mostra unha gran habilidade artística e unha enorme agudeza na observación dos detalles". Na propia crítica tamén se engade que "Tilve sitúa al artista cuntiense en la línea de Jenaro Pérez Villaamil, nacido en el año 1807 en Ferrol, uno de los pioneros del dibujo arqueológico y autor de una colección de litografías en las que plasmó los principales monumentos españoles. Alén disto, engade que "é moi importante a súa colección de láminas pois describen, moi pormenoriazadamente, cada un dos detalles arquitectónicos e decorativos do edificio". Segundo a citada historiadora, o traballo de Héitor Picallo ten o respaldo dun labor previo de análise e estudo, realizado a través de fotografías e bosquexos preliminares: "Son froito dunha profunda reflexión". No que atinxe á técnica subliña: "Son debuxos dunha gran precisión, que teñen un carácter pictórico ó utilizar a aguada, que lles dá unha calidade lumínica e cromática moi rica. Fai un perfecto reparto da incidencia da luz". Afirma que para elaboralas se require moita paciencia e non permite corrixir erros, porque unha pinga de tinta máis intensa que as anteriores basta para estragar o debuxo, que é o resultado dun lento proceso que comeza polas tonalidades máis claras e transparentes, ata chegar ás máis escuras, co seu correspondente tempo de secado entre cada capa.
Ángeles Tilve tamén fai fincapé no labor documental dos debuxantes, porque permite contemplar edificios que hoxe non existen, como o Hospital de San Juan de Dios, e sostén que a colección de Héitor Picallo, que cualifica de "completísima e magnífica", debería ser impresa e publicada.

(Fonte: Fernando Salgado, Diario de Pontevedra, suplemento Diario de Caldas, 14-10-2015, pp. 1-2)





Sem comentários:

Enviar um comentário