terça-feira, 30 de abril de 2013

TILIRÍN E A MITOLOXÍA GALEGA



Portada
Estes días ando -como diría a amiga Anxos Sumai- con bolboretas no estómagos, cun pouquiño de nervios, xa que este venres día 3 presentarei na tan acolledora Libraría Couceiro a última entrega d'O meu primeiro dicionario, que desta volta (xa o número 8) leva por tema a Mitoloxía Galega.

PRESENTACIÓN
Este libro, que ve a luz dende o tórculo de Edicións Fervenza (Silleda-A Estrada), será presentado en o 3 de maio, na libraría Couceiro, ás 20:30 horas. Compartiremos mesa entre todas/os pero o acto será guiado por:
O Busgoso
  • Nora Pousa (mestra)
  • Carlos Loureiro (escritor e mestre) 
  • Miguel Villar (empresario)
  • Xosé Luna (director de Edicións Fervenza)
  • Héitor Picallo (pai da criatura)

CONTIDOS

Velaí o meu novo Tilirín e a mitoloxía galega, ese espazo tan íntimo e feliz onde podo achegar unha parte das miñas inquedanzas e intereses sobre este tema. Falo un petisco sobre a Compaña, entrego unha imaxe de cabalo acuático (na portada), pero tamén de todos estes seres: 
  1. O Alicornio (que seica existiron por Navia de Suarna)
  2. O Apalpador (que todos os anos baixa dende O Courel)
  3. O Busgoso (dos Ancares e A Fonsagrada)
  4. O Codín (do que ten falado Marcial Valladares)
  5. A Doniña Cerva (que un día fuxíu do castelo de Cervantes)
  6. O Dragón (que voaba polo Pico Sacro - "Mons Illicinus" e por Ponteceso)
  7. A Galiña e os Pitos de Ouro (que xogan por Castrolandín - Cuntis, e que nos recorda a súa lenda Olimpio Arca e Mario Touceda)
  8. O Gazafello (que seica se camuflaban en todas as fragas galegas)
    O Pero Chosco
  9. O Home das Bubas (ser mitolóxico recuperado por Xohán Xesús González aló polo ano 1922)
  10. O Home do Saco (coa súa proxección nas terras de Flandres)
  11. A Lavandeira (que aparece polos nosos ríos nas loites de plenilunio)
  12. O Lobishome (marcado cun sinal no seu corpo)
  13. A Meiga (onde se lembra ese rito para escorrentalas)
  14. A Moura (que habitou no alto do Pindo - un dos montes sagrados galegos)
  15. O Nubeiro (que provoca os tronos polas terras de Ourense)
  16. O Pero Chosco (do que un día Manuela Francisco -"Manuela de Xinzo"- nos cantou unha cantiga)
  17. O Principe Lagarto (de Calvos de Randín)
  18. A Serea (que aparecía por Sálvora e nas Mariñas de Lugo)
  19. Os Trasnos (que en Leiro -segundo Ana Mosquera- levaban por nome Lángaro e Camartela)
  20. O Urco (de Pontevedra e outras latitudes)
  21. A Xente Cativa (que, tal nos comenta Manolo Gago, habitaba nos castros galegos)
  22. O Xigante (como aquel que coida do Castelo de Sandiás, en Ourense)

TÉCNICA DAS ILUSTRACIÓNS
Todas as ilustracións foron feitas en acuarela con tinta chinesa e, algunhas, decoradas con teas de tapizar, cartolinas, recortes de xornais (en galego), madeira (de castiñeiro), cortiza, cartóns,... Fixemos, logo así, coa colaxe un labor artístico e, ademais, de reciclaxe.

Sem comentários:

Enviar um comentário