sábado, 27 de abril de 2013

CARNIA HAIKAI - de ELVIRA RIVEIRO

PORTADA
Foi no 2011 cando a amiga Elvira Riveiro Tobío (Cerponzóns - Pontevedra 1971) gaña o VI Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas convocado por Caldeirón e o Concello de Malpica. Un ano máis tarde, dende "Gráficas Sementeira", ve a luz este poemario, erótico e case pornográfico, ou ben este poemario pornográfico case erótico, composto de catro apetecíbeis e gorentosas partes: Almorzo, Xantar, Merenda e Cea.

"A trabadela,
a trabada da cobra,
a traba-lingua".

COMPOSICIÓNS


Asimetrías equilibradas
Realizo para esta obra 5 composicións en augatinta e teas de tapizar. Por se trataren de "haikus" xaponeses, "simples" pero intensos, considerei oportuno debuxar só siluetas, contornos, formas.

Talvez as obras son unicamente sombras resaltadas polas teas (coma se fosen as colchas dos leitos íntimos que son cómplices tamén do sobresalto sexual).

"Adoro a nosa
relación trisexual,
o triunvirato..."

ORIENTALISMO

Quixen buscar certo orientalismo neles, onde o fondo (ten contido) e a forma (descontento), onde o baleiro é tanto ou máis valioso cá silueta.

"Gústame como 
me levas, como libas
lava e mais lava"

PORTADA

Erotismo orientalista
Na observación dun outro peito
Na portada, un peito é bosquexado na augatinta, captado dende as costas da observación, sinuoso e insuante, coma as ondas arousás.

Mais as propias teas de tapizar, ao xirar o debuxo 90º en sentido contrario ás agullas do reloxo, entregan un outro peito, feminino tamén, coma o deste poemario lésbico: no fondo tamén se camuflan formas e contidos.

CORPOS NUS ENTRE AS TEAS


Unha serpe entre os corpos
Teas de tapizar destacan informan da forma
Noutras composicións faíscan dous corpos nus, en positivo e negativo, en verso e reverso, onde as luces se confunden co fondo da lámina e a tea de tapizar volve a nos entegar, novamente, unha nova descuberta: o pecado, a cabeza da serpe,...

Agardo que vos gustasen as composición, agardo que vos mergulledes neses gorentosos versos, lascivos e sensuais, de Carnia Haikai.

CRÍTICA


O analista literario Armando Requeixo -dende o seu Criticalia- e publicado en diversos xornais (Diario de Arousa, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e El Ideal Gallego) comentou o seguinte sobre estas composicións plásticas: 

"Para os amantes (no máis pleno sentido) deste tipo de poética, Carnia haikai agocha unha outra deliciosa sobremesa: as sensuais ilustracións de Héitor Picallo que, dende a propia portada e balizando as diferentes sensacións, acompañan esta escrita de Elvira Riveiro Tobío, alimento primario, antropofaxia versoerótica de poeta omnívora e bretoniano amor fou".

Sem comentários:

Enviar um comentário